Progamas de concerto

O grupo 1500 ofrece un variado número de programas arredor de diferentes xéneros temáticos. Os programas ofrecen, todos eles unha versión didáctica para conservatorios, escolas de música, asociacións e centros de ensino.

 

  • E viron a estrela yr... O ciclo do Nadal na música antiga

A importante festa cíclica do Nadal é unha ocasión especialmente propicia para que diferentes públicos se acheguen á Música Antiga. Importantes autores da Idade Media e o Renacemento adicaron grande parte da súa producción musical a esta festividade, tanto no eido sagrado coma no profano. Dende a panxoliña máis desenfadada, xovial e rítmica, ata as pezas máis líricas e tenras adicadas ao Neno Xesús, pasando por sublimes polifonías sagradas, todo tivo cabida na imaxinación destes músicos.
O programa do grupo 1500 para a ocasión fai unha incursión neste eido, dende diferentes e variados enfoques, tentando que o público se entreteña e coñeza mellor a música dunha época, nun momento do ano tan propicio e axeitado como o Nadal.

Programa para catro ou cinco músicos e dúas cantantes

 

  • “Eamus videre …” O ciclo da Semana Santa nos cancioneiros do século XVI


“Eamus videre…”: imos mirar. Así comeza o fragmento da Significatione Sepulchri, o drama sagrado para ser representado nas vísperas do Domingo de Resurrección, que se conserva na Catedral de Santiago. Durante a Idade Media, este verdadeiro teatro litúrxico tivo grande extensión, como complemento didáctico natural e efectista das representacións pictóricas e escultóricas presentes nos templos, e que tiñan como obxecto a educación e ensino dos momentos claves das escrituras ao pobo iletrado. As representacións ao redor da Semana Santa tiñan unha importancia excepcional, xustificada por ser un dos dous puntos clave de referencia (xunto co Nadal) do Ano Litúrxico da Igrexa. Estas representacións incluían fragmentos cantados (de xeito monódico ao principio) dende as importantes Paixóns (a primeira a de san Xoan, no Domingo de Ramos) ata os dramas litúrxicos das Vísperas do Domingo de Resurreción, nos que se escenifica e canta o descubrimento do sepulcro valdeiro de Cristo polas tres Marías. Estas tradicións deron lugar a algunhas das máis altas expresións musicais da cultura occidental ao longo dos seus diferentes períodos artísticos e, ademáis do seu evidente papel litúrxico, ocupan tamén un lugar central na historia da música. O grupo 1500 fai, a través deste programa, un percorrido musical a través do ciclo da Semana Santa, comezando polo Entroido e o mércores de Cinza, pasando pola Coresma, ata a Paxión e o domingo de Resurección.

Programa para catro ou cinco músicos e dúas cantantes


  • Do divino e o mundano. Un percorrido pola música antiga, do século XIII ó XVI

Durante o medievo e o renacemento, o mundo relixioso e o profano conviviron moi próximos nas diversas manifestacións artísticas, e moi especialmente na música. Este feito serve como pretexto para artellar un programa que partindo de pezas medievais de carácter fundamentalmente relixioso (pertencentes ó códice de Montpellier e Cantigas de Santa María, entre outros), remata na fértil produción satírica e burlesca dos cancioneiros ibéricos dos séculos XV e XVI. 
Este é un programa ecléctico, fresco, ameno e animado, especialmente axeitado para achegar a todo tipo de públicos a música antiga. Foi estreado por primeira vez en Xullo do 2009 con motivo da Feira Franca da vila de Betanzos, na Igrexa de San Francisco, un marco e un evento que encaixan moi ben co tipo de músicas propostas neste concerto.

Programa para catro ou cinco músicos e dúas cantantes


  • "Contar cantado"

Este programa está centrado, aínda que non só, nos numerosos romances de diversos tipos que ao longo do tempo serviron para contar e transmir acontecementos, contar historias, viaxes ou insólitas proezas .

De carácter flexible, o programa inclúe pezas moi curiosas e atractivas doutros idiomas, como o canto de peregrinación Pälestinalied ou a canción de peregrinos alemáns a Compostela Wer das Elendt. Tamén cantigas de Santa María. E, naturalmente, unha escolma dalgúns dos máis belos romances polifónicos que se conservan en diversos cancioneiros ibéricos, romances que falan de amores, de guerras e de aventuras. inclúese, como curiosidade, unha versión contrafacta (aproveitando a música dunha peza de Juan del Encina) do famoso Pranto da Foruxeira, que narra a prisión e morte do Mariscal Pardo de Cela

Programa para dous ou tres músicos e dúas cantantes

 

  • "Amor e Danza na Europa das Nacións"

O programa plantexa unha viaxe musical imaxinaria pola Europa do século XVI, que permita ao ouvinte achegarse aos diferentes estilos e autores do rico e diverso panorama musical do Renacemento.

Partindo de Castela e pasando por Francia, Inglaterra, Escocia, Alemaña, Venecia, Nápoles e rematando en Portugal, o espectador pode escoitar unha canción, cas peculiaridades propias de cada un deses paises no renacemento: chanson, lied, frottole...cada unha delas acompañadas pola súa correspondente danza. Os autores escollidos atópanse tamén entre os máis destacados e representativos, como Janequin, Byrd, Isaac, Vechi, Brade, Praetorius, etc. Un programa para, nunha hora, facer un achegamento rápido pero moi completo ao rico panorama da música no século XVI.

Programa para cinco músicos e dúas cantantes

 

  • O Quijote e a Música

O programa que o Grupo 1500 lles presenta trata de sintetizar dous mundos que tan maxistralmente nos retratou Cervantes: o Renacemento e un incipiente Barroco ou o tránsito do século XVI ao século XVII . Para elo xúntanse obras vogais dalgúns dos cancioneiros máis sinalados do século XVI, con danzas barrocas do século XVII. As obras foron escollidas dun inmenso abano posible, a partires de referencias concretas, literarias e musicais, do Quijote. Cen programas como este, todos diferentes, serían posibles, do que se deduce a gran calidade, e non só literaria, tanto da obra de Cervantes como da máis humilde, pero igualmente fermosa, lírica profana de fins do século XV e comezos do XVI.

Programa para catro ou cinco músicos e dúas cantantes


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos